Castelo de Naraío

 

 

 

Construído sobre rocha viva dentro do espectacular paraxe natural do espazo protexido Xuvia-Castro, ergueito a uns 300 metros sobre unha área de lecer situada na marxe dereira do río Castro, sobre un xigantesco penedo que nalgúns lugares mesmo forma parte dos maxestosos muros, o Castelo de Naraío data do século XIV. Porén, crese que os restos que hoxe podemos ver son en realidade froito da remodelación dunha fortaleza máis antiga.

Ascendendo pola rocha atopamos restos das tres murallas perimetrais que noutro tempo facían do castelo unha fortaleza inexpugnable, doada de gardar desde calquera punto. A parte alta do rochedo presídea a Torre da Homenaxe, á que se chega despois de cruzar dúas portas cun arco oxival nas que aínda se aprecia o escudo de armas dos Andrade. A torre aínda conserva o  porte desafiante que debeu ter hai séculos. Arredor da torre hai restos doutras dependencias que se  repiten na seguinte liña de muro, onde atoparon restos arqueolóxicos como moedas  e anacos de cerámica.

Sen dúbida, a vista máis impresionante do conxunto obtense dende o outro lado do río. Subindo polo camiño do Saíme uns 150 metros aprecianse anacos dos antigos muros, das torres e dos  contrafortes, formando, pola ladeira do montículo, unha estructura en forma de estrela que dificultaba  a circunvalación exterior.

A súa situación estratéxica, a singularidade do seu enclave, a súa adaptación ao medio e a fermosura de toda a zona, fan deste Castelo un dos mellores exemplos da arquitectura
defensiva medieval. O que noutro tempo representou protección, submisión e vasalaxe, hoxe é un punto de atracción turística cun grande potencial que aumenta grazas aos traballos de rehabilitación que se desenvolven na fortaleza.

Este castelo está a unha distancia de doce kilómetros do Castelo de Moeche, e entrambos monumentos discurre unha ruta que, partindo de Moeche, segue a ruta de destrución seguida polos irmandiños neste territorio.

 

Voltar Pechar