Mosteiro de Caaveiro

 

 

 

Este mosteiro érguese no medio da solitaria e impresionante paisaxe das Fragas do Eume.  A tradición sinala que foi fundado como mosteiro benedictino por San Rosendo no ano 936, aínda que  posiblemente xa existía con anterioridade. A primeira singularidade do Mosteiro de Caaveiro é o seu nome, que procede orixinariamente da palabra“calavario”, topónimo tería derivado en Caaveiro, cuxo significado podería estar relacionado coa presenza dun contorno de rochas. Caaveiro non é un Mosteiro ao uso xa que non posúe un claustro centralizador da vida monacal. Isto débese a que máis ca un mosteiro Caaveiro era unha Colexiata que servía de lugar de retiro ocasional dun grupo de canónigos.

Outro punto salientable é o contorno no que está inserto, moi apropiado para retiros en soidade, debido ao seu aillamento no medio da frondosa fraga. O emprazamento é o ideal para o propósito co que foi concebido, un promontorio que sobresae dun profundo val no que se xuntan dous ríos, o Eume e o Sesín, afluente do primeiro e que ademais dunha corrente de auga próxima, supón para o Mosteiro a fonte de enerxía que move a moa do seu muíño. Se algo chama a atención da Historia de Caaveiro é que todos os que se achegaron por alí dende as súas orixes ata os nosos días viron nel un lugar singular en total harmonía coa paisaxe, un lugar de encontro coa natureza.

“Conta a lenda que unha chuviosa mañá de inverno en Caaveiro, San Rosendo ergueuse e saíu da súa cela e vendo o mal día que facía, queixouse contrariado. Nese momento deuse conta do seu pecado xa que o tempo era unicamente  vontade de Deus. Decidiu tirar ao Río Eume o seu anel episcopal como penitencia e pensou que cando o seu pecado lle fora perdoado este anel lle sería devolto. Sete anos despoçis, estando o cociñeiro de Caaveiro  preparando o xantar para o resto dos monxes,  abriu un salmón, e grande  foi a  sopresa deste cando dentro dos intestinos do peixe atopou o anel de San Rosendo. Rapidamente foi correndo xunta o bispo, que estaba alí retirado, que dando grazas a Deus deuse conta de que o seu pecado fora redimido”.

Voltar Pechar